07 mayo 2009

O ciclo sobre o rural galego organizado por Patrimonio Histórico comeza este venres no Auditorio do Areal, en Vigo

VIGO (MORRAZO-tribuna) . O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, presentou o ciclo “O fin? do rural? galego?”, integrado pola celebración de conferencias, a proxección dun documental e unha mesa redonda, que terá lugar ao longo do mes de maio no Auditorio Municipal do Areal. O programa comeza este venres, ás 19.30 horas, coa conferencia impartida pola profesora de Antropoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Nieves Herrero, baixo o título “As Encrobas: un caso de transformación social en Galicia”.

“Trátase dun ciclo moi importante porque plantea un debate social, económico e tamén político sobre a realidade do rural galego”, explicou o concelleiro de Patrimonio Histórico na presentación do ciclo, na que tamén participou o coordinador do CAT, Manuel Estévez. Segundo o edil nacionalista, nos diferentes actos que integran a programación analizarase tamén “en que situación está, cara a onde vai e cal é a súa relación dialéctica coas cidades”. Sinalou que estas cuestións xa as planteou Castelao no “Sempre en Galiza” nos anos 40 do século XX.

Eudosio Álvarez, na súa intervención, salientou asemade que a organización deste ciclo constitúe “unha das liñas maestras da Concellería de Patrimonio Histórico”, baseada na “recuperación do patrimonio inmaterial do noso pasado que non está nas pedras”. O concelleiro dixo que “a celebración destas xornadas pódese incorporar a esa liña de traballo que seguirá a concellería”.

A segunda convocatoria do ciclo será o 13 de maio, de 19.30 a 20.15 horas. Este día terá lugar a proxección do documental “Queda alguén aí?”, do realizador Rafael Cid, da TVE en Galicia. Ao respecto, Eudosio Álvarez expresou o seu agradecemento “polo seu traballo dende hai anos neste tema”, polo que considera que “merece todo o recoñecemento desta Concellería”. Tras a proxección, de 20.15 a 21 horas, celebrarase unha mesa redonda na que participará o propio realizador do documental, o coordinador do CAT, Manuel Estévez, o antropólogo Paulo Jablonski, e o corrdinador do ciclo Xerardo Pereiro.

A programación continuará o día 14 de maio, ás 19.30 horas, coa conferencia a cargo do catedrático de Antropoloxía Social da Universidade da Coruña, José Antonio Fernández de Rota, que falará de “A urbanización intensa do campo e os seus resistentes”. O 21 de maio, tamén ás 19.30 horas, intervirá o coordinador do ciclo, Xerardo Pereiro, que é profesor de Antropoloxía Social da Universidade portuguesa de Trás-os-Montes e Alto Douro, cun relatorio titulado “Miradas cruzadas entre o rural e o urbano galegos”. Finalmente, o ciclo rematará o 28 de maio coa conferencia “Galicia: tradición e globalización a través das formas”, do arqueólogo, técnico de cultura da Deputación de A Coruña e investigador da cultura tradicional galega, Felipe-Senén López Gómez.

O coordinador do CAT, Manuel Estévez, sinalou que o ciclo é unha “reflexión sobre a relación entre o rural e o urbano galegos”, e neste sentido sinalou que as parroquias viguesas “aínda queda poso do rural galego”. “É unha oportunidade interesante para plantear hacia onde imos”, salientou.