24 mayo 2009

Os novos tempos do IGAPE

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-Os empresarios galegos interesados en iniciar ou avanzar no proceso de internacionalización das súas empresas e na difusión dos seus produtos e servizos noutros mercados teñen unha cita importante no IV Punto de Encontro cos Centros de Promoción de Negocios (CPN) do Igape no exterior, que se celebrará en Santiago entre os días 1 e 5 do próximo mes de xuño. O encontro desenvolverase na sede do Igape, dependente da Consellería de Economía e Industria, en Santiago de Compostela (San Lázaro).

Durante estes cinco días, os interesados poderán manter entrevistas individualizadas cos directores dos CPN que o Igape ten en Alemaña, China, Estados Unidos, Polonia e Xapón para coñecer aspectos relevantes destes mercados, así como informacións que cómpre coñecer para acometer procesos de internacionalización nos mesmos. Igualmente, durante os encontros, os empresarios terán a oportunidade de solicitar a información que desexen sobre as axudas e servizos de apoio á internacionalización que o Igape ten á súa disposición.

Para poder participar nestas entrevistas, que terán lugar na sede do instituto, no Complexo Administrativo de San Lázaro, en Santiago de Compostela, será necesario inscribirse previamente no enderezo electrónico www.xornadas.igape.es, onde tamén convén que os empresarios adianten o tipo de información ou asesoramento que desexan recibir, para que a resposta poida ser a axeitada ás súas demandas.

O ano pasado, os directivos e técnicos das empresas galegas participantes no correspondente punto de encontro puideron desenvolver 370 entrevistas persoais cos directores dos CPN do Igape. As empresas participantes corresponderon a sectores de actividade como o da alimentación e bebidas, comercio, actividades informáticas, a industria téxtil, industria química ou do sector de maquinaria, entre outros.

Para máis información sobre este encontro, os empresarios interesados poden chamar aos teléfonos 981 541127 ou 902 300903.