03 mayo 2009

Ultima hora de los casos de supuesta gripe porcina en Galicia : Meilán Gil recibe el alta en A Coruña tras una alarma infundada

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación, seguindo as actualizacións dos protocolos establecidos atendendo a última reunión do Comité Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) celebrada onte en Madrid, comunica que:

- Recibe a alta hospitalaria o paciente ingresado desde o pasado luns no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), unha vez obtido o resultado negativo relativo á gripe AH1N1 polo sistema PCR no laboratorio de referencia de Galicia.

- Recibe a alta, tras ser descartado como caso en investigación, o profesor Meilán Gil, o paciente ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) na noite do xoves, despois de terse confirmado que dito paciente non posúe afección vinculada con síntomas gripais AH1N1, aínda que fora preciso o seu ingreso xa que cumpría co protocolo establecido para o seu illamento.

- A paciente ingresada no Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU), deberá permanecer ingresada á espera da confirmación das análises por parte do Centro Nacional de Microbioloxía de Madrid, toda vez que as probas realizadas polo sistema PCR no laboratorio de referencia na nosa comunidade non descartan que puidera estar afectada polo virus AH1N1. O seu estado de saúde é bo.

Coas actualizacións de protocolos levadas a cabo na reunión de onte en Madrid, o laboratorio de referencia de Galicia poderá descartar aqueles casos sospeitosos que non precisen dunha segunda análise no Centro Nacional de Microbioloxía. Esta medida redunda na axilidade de resposta ante as eventualidades que poida presentar a evolución desta alerta.

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, agradeceu de maneira significativa a estreita colaboración e o esforzo de todos os profesionais do sistema sanitario galego, así coma do equipo técnico que está a traballar todos os días da semana no laboratorio de referencia de Galicia, e ao equipo de Saúde Pública, que está a coordinar as actuacións.

A máxima responsable da carteira sanitaria do executivo galego salientou, tamén, a eficacia na resposta do dispositivo, o que está a permitir manternos ante unha alerta de tipo sanitario con normalidade e tranquilidade para a poboación.