03 septiembre 2009

A cesión do Bispado para o centro de día en Mos xa é un feito

MOS (MORRAZO-TRIBUNA).-A cesión do Bispado para o centro de día en Mos xa é un feito

A alcaldesa e o Bispo asinaron esta mañá o convenio de colaboración que así o certifica

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o Bispo da Diócese Tui-Vigo, José Diéguez Reboredo, asinaron esta mañá na sala de sesións da Casa Consistorial un convenio de colaboración polo que o Bispado lle cede ó Concello mosense por un período de 25 anos prorrogables a outros 25, a antiga Casa Reitoral e o terreo no que se atopa ubicada para convertila nun centro de día municipal e público para persoas maiores; ademais de cederlle tamén á administración local o recinto que se emprega coma aparcadoiro do Concello co fin de remodelalo para que ofreza un mellor servizo.

O pleno da Corporación Municipal xa aprobara por maioría na sesión ordinaria do pasado 27 de agosto a proposta de constitución de dereito de superficie entre o Bispado de Tui-Vigo e o Concello de Mos, pola que a primeira entidade accedía a ceder á administración local a antiga casa do cura en Petelos, xunto cunha finca colindante de 1.500 metros cadrados e o terreo do aparcadoiro anteriormente citado.

Esta cesión permitirá ó Concello arranxar o mencionado edificio, que agora se atopa en condicións ruinosas e a piques do derrubamento, para que pase a funcionar coma centro de día para maiores; á súa vez, acondicionarase tamén o espazo que xa está a ser empregado coma aparcadoiro da Casa Consistorial co fin de mellorar a súa funcionalidade como tal. A inversión prevista para ambos proxectos ascende a un total de 1.526.251,53 euros, da cal ó centro de día corresponderanlle 1.035.300 euros e no aparcadoiro investiranse 490.951,53 euros.

A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, amosouse satisfeita durante o acto de sinatura do convenio xa que o considera “algo moi positivo tanto para Petelos coma para o municipio de Mos en xeral”. “E é que esta casa, que é unha auténtica xoia patrimonial, está a piques de derrubarse”, argumentou a rexedora local, e aclarou tamén que “durante o tempo no que estea en vigor a cesión manterase a titularidade municipal das propiedades”. “Esta é unha solución eficaz e eficiente para varios problemas”, declarou Arévalo, “xa que nela conflúen dous intereses que terán resposta: por unha banda os veciños de Petelos verán cumplida a súa petición dende fai anos de que se restaure a casa do cura, un edificio de gran importancia histórica municipal, e, por outro lado, Mos precisa un centro de día para maiores que sexa público”.

Elevada demanda

Neste sentido a edil de Patrimonio e Benestar Social, Ana Rodríguez, asegura que “é moi necesario un centro de día no noso municipio debido ó elevado número de persoas dependentes que habitan nel”. “Incluso dende a concellería de Benestar Social que eu dirixo vémonos obrigados a derivar a algunhas destas persoas a centros de localidades veciñas ante a inexistencia dun centro público municipal”, explica Rodríguez Cabaleiro sobre este tema, ó tempo que insiste na importancia dos centros de día para maiores “que lles permiten ás familias dos dependentes poder compaxinar a vida laboral co seu coidado”.

Asimesmo, a concelleira celebra a posibilidade de instalar un centro de día público nas dependencias da antiga Reitoral de Petelos “xa que o Concello de Mos posúe moi poucos terreos en propiedade e é unha boa alternativa que outras entidades llos cedan mediante convenio, ademais de que así se cumplirá por fin o desexo dos veciños de Petelos, e de tódolos mosenses, de que se reconstrúa este conxunto histórico patrimonial que se está caendo”, dixo a edil.