03 septiembre 2009

Más "auxilios" de la Xunta para Citroen

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, o director do Centro de Producción de Vigo da empresa Peugeot Citroën Automóviles España S.A. (PCAE), Pierre Ianni, e o presidente da Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (Faimevi), Santiago Domínguez, veñen de asinar hoxe un convenio de colaboración para a posta en marcha de accións formativas que fomenten “un novo estilo de condución eficiente” de turismos a prol de fomentar iniciativas en favor do aforro enerxético.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía e Industria, achegará o 80% do custo dos cursos por alumno matriculado nestas accións formativas que teñen como obxectivo a divulgación de técnicas de condución axeitadas para facer un uso racional do combustible.

Deste xeito, o departamento de Economía e Industria da Xunta, a través do Inega, continúa a impulsar a realización de programas de actuación destinados á mellora do aforro e á eficiencia enerxética, o fomento do uso racional das enerxías e, en xeral, á óptima xestión e prestación de servizos nos campos enerxéticos dos distintos sectores económicos de Galicia.

Guerra avogou, no Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën, pola utilización eficiente da enerxía e dos recursos enerxéticos locais, por impulsar o uso das fontes de enerxía renovables na nosa comunidade, e ao mesmo tempo considerou moi positiva a realización de accións formativas entre os traballadores do centro que o grupo PSA ten na cidade de Vigo. Uns cursos formativos orientados a fomentar o uso de técnicas que contribúan a empregar racionalmente as novas tecnoloxías que incorporan os vehículos.

A finalidade desta iniciativa é fomentar un “novo estilo de condución eficiente” de turismos co que se obteñen diminucións medias no consumo de combustible de até o 15% sobre a condución convencional, mellorando ao mesmo tempo a seguridade nas estradas.

Ao abeiro deste convenio, habilítanse 1.000 prazas para formación en técnicas de condución eficiente que se dirixirá aos traballadores de PCAE. Os cursos, impartidos por monitores expertos da fundación Faimevi, serán presenciais, constarán de contidos teóricos e prácticos e durarán de setembro a decembro de 2009.

O curso levarase a cabo nun percorrido con cruzamentos, semáforos, prazas, rotondas, vías de dobre sentido e pendentes en subida e en baixada; sendo todos estes elementos nos que a aplicación dunha ou outra técnica achega diferenzas en consumo.

Por outra banda, cómpre destacar que entre os contidos que se impartirán neste curso tratarase de aspectos como o coñecemento e a utilización axeitada dos dispositivos de seguridade que incorporan os vehículos actuais e incidirase sobre a responsabilidade dos condutores e a importancia que unha boa actitude ao volante ten na redución de accidentes de circulación.