09 septiembre 2009

Convenio Universidad de Vigo - Xunta sobre Política Lingüística

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e mais a Universidade de Vigo veñen de asinar un convenio de colaboración que ten como obxectivo principal desenvolver iniciativas que promovan a presenza do galego no ámbito universitario.

Mediante este convenio, Política Lingüística colabora coa Universidade de Vigo no desenvolvemento de actividades que inciden especialmente no ámbito da formación, como é o caso dos cursos Celga, que acreditan oficialmente o coñecemento en lingua galega. Nesta mesma liña, tamén se ofertan cursos para mellorar a competencia oral e escrita en galego, así como cursos de extensión cultural que van dirixidos a estudantes estranxeiros. Outra das iniciativas que se leva a cabo para potenciar esta prioridade de formación e mais de investigación en galego é a edición de diverso material científico-técnico sobre esta lingua.

A realización de campañas de dinamización da lingua galega ou a organización de premios literarios son outras das actividades que se levan a cabo dentro deste marco de colaboración entre ambas as institucións.

Apoio ás iniciativas en prol do galego
Desenvolver actividades formativas que aseguren un boa capacitación lingüística en galego, así como fornecer ferramentas e materiais de utilidade para mellorar o coñecemento desta lingua son algúns dos obxectivos que persegue Política Lingüística neste marco de cooperación coa Universidade de Vigo. Así mesmo, a través deste convenio a secretaría xeral pretende favorecer a extensión do uso de galego nunha franxa prioritaria do se traballo como é a mocidade.