09 septiembre 2009

Salceda : el PP se irrita por los ataques del pregonero de la Festa dos Callos que cobró -además- 1.800 euros

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Partido Popular de Salceda de Caselas cualifica de despilfarro e pouco austera a actuación do bipartito na XVII Festa dos Callos, celebrada o pasado domingo. Ata o de agora os pregoeiros viñan de balde, “pois sempre foi un orgullo e honra ser o anunciador da celebración gastronómica máis popular da nosa vila”, explica Emma Pereira, presidenta da Xestora do Partido Popular salcedense. Desta quenda volvéronse a gastar outros 1.800 euros para que Carlos Blanco presidira a festa e para que dixera, entre outras barbaridades e incongruencias que “de novo os señoritos do PP están na Xunta”, dende o PP local queren recordarlle ao señor Blanco que se o Partido Popular goberna Galicia é porque así o demandou o pobo. Nesta liña tamén se amosou o grupo de folk que actuou á noite, “que en vez adicarse ao seu, ofrecer boa música e entreter ao público, non parou de facer comentarios en contra do grupo popular e das súas accións, convertendo o concerto nun mitin político dos nacionalistas”.

“A festa dos políticos”, así era como cualificaban os nacionalistas cando estaban na oposición á popular Festa dos Callos. Unha festa á que o anterior goberno convidaba a disfrutar a diversas autoridades e empresarios como uns comensais máis do tan prezado manxar e non como agora “que veñen políticos máis ca nunca chegados incluso doutras provincias e para os cales se lles reserva unha carpa e mesa exclusiva para eles; este si é un goberno de despilfarro e descontrol”, asegura Pereira.

Por último, “e por se fora pouco, despois de pagarlle 1.800 euros a Carlos Blanco, resulta que a actuación que o actor ofreceu ás sete da tarde era non recomendada aos menores de 14 anos, se a isto lle engadimos os pais de todos estes rapaces que non teñen con quen deixalos ou que simplemente teñen planeado pasar un domingo en familia, a quen vai dirixido o espectáculo?, claramente a unha pequena porcentaxe”, conclúe a presidenta da Xestora