09 septiembre 2009

Mar de Ons arrojó la toalla en Moaña pero ya tiene quien le reemplace en el transporte de Ría ( incluído Cangas...)

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A partir do vindeiro luns, 14 de setembro, o operador de transporte marítimo Nabia farase cargo do servizo de transporte de ría entre Vigo e Moaña. Así o anunciou esta mañá o director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, en rolda de prensa, onde sinalou que ademais de non interromper o servizo a empresa reestablecerá a oferta de transporte durante as fins de semana. En definitiva, “este servizo redundará nunha mellora do transporte que se ofrece aos veciños e dáse cumprimento a unha vella aspiración, tras a súa desaparición co anterior Goberno en marzo de 2009”, manifestou Bugarín.

O director xeral aclarou que, tras solicitar os correspondentes permisos, esta empresa iniciará os servizos entre Moaña e Vigo dende ás 6,15 horas do luns 14 de setembro e matizou que, posteriormente, tamén iniciará os servizos entre Cangas e Vigo, nunha situación de competencia de mercado co actual operador, Mar de Ons, que sen dúbida redundará nunha mellora da oferta de transporte que se ofrecerá aos cidadáns.

Ademais, coa entrada deste novo operador nos servizos de transporte de ría en Cangas e Moaña prestará os seus servizos en libre competencia, axustándose á normativa comunitaria.

Proceso de negociación
O representante da Consellería de Medio Ambiente aclarou que o reestablecemento deste servizo é froito das negociacións levadas a cabo pola Xunta de Galicia ao longo destas semanas, para intentar atopar unha solución a esta problemática. Por outro lado, lamentou que os concellos afectados non manifestaran un compromiso máis claro e transparente perante este problema.

Recordou que a Xunta de Galicia, a través do departamento que dirixe Agustín Hernández, facilitou o entendemento e colaboración e, incluso manifestou o seu compromiso de sufragar o 80% dos fondos necesarios para o mantemento do transporte de ría entre Vigo e Moaña, é dicir, comprometeuse a aportar o 80% dos custes do convenio que garantiría a continuidade deste servizo.

Tamén sinalou que a porcentaxe restante debería ser aportada polas entidades municipais, cuestión para a que non tivo apoios e, explicou que esa fórmula de colaboración enmarcase dentro do ordenamento xurídico, ademais de constituír a vía legal.

Incorporación ao Plan de Transporte Metropolitano
Miguel Bugarín recordou que dende a Xunta de Galicia defendese a postura de que o transporte de ría deberá incorporarse nun futuro próximo ao Plan de Transporte Metropolitano de Vigo, o cal aportará grandes vantaxes aos usuarios, contribuíndo así ao seu propio mantemento. Augurou que dentro deste marco poderase contar coa colaboración dos concellos para implantar este plan que redundará en beneficio de todos os cidadáns, tal e como sucedeu noutros casos.

Ademais, o representante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas explicou esta colaboración sería semellante á colaboración (vía convenio) ao que está establecido cos concellos de A Coruña, Ferrol ou Santiago de Compostela para o desenvolvemento do transporte metropolitano.

Por último, incidiu en que esta colaboración debe ser abordada entre ambas administracións e non só por parte da Xunta ou doutras administracións distintas ás da local, xa que de realizarse así, romperíase a unidade de transporte metropolitano de Galicia, caracterizado por estar participado pola Administración autonómica e local.