02 septiembre 2009

O Concello de Mondariz abre un expediente de reposición da legalidade en relación coas obras da Igrexa de Mondariz

MONDARIZ (MORRAZO-TRIBUNA).- O Grupo Ecoloxista ADENCO fixo público hoxe o inicio do expediente de reposición da
legalidade por parte do Concello de Mondariz en relación ás obras realizadas días atrás na
Igrexa de Mondariz.
O Decreto municipal recolle expresamente, vista a denuncia presentada polo colectivo
ecoloxista, o inicio dun expediente de reposición da legalidade no que consta:
“ Ordenar ao promotor a inmediata paralización das obras que se están a realizar sen
licencia no contorno inmediato da Igrexa de Santa Eulalia de Mondariz.
Acordar a incoación dun expediente de reposición da legalidade pola realización de ditas
obras.
Dar traslado do presente acordo á Delegación Provincial da Consellería de Cultura e
Turismo e a Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente, Ordenación do Territorio
e Infraestructuras”.
Para Adenco resulta sorprendente que a Administración Local tome cartas no
asunto a raíz dunha denuncia previa, cando os feitos son de dominio público, realizados
no centro da Via.
"Preguntámonos por que a Administración Local ten interese en actuar noutros casos,
decididamente, e neste asunto non fixo nada en relación a unhas obras que, tal vez, a día de
hoxe xa non teñan solución.
Unha vez máis, lamentamos que o noso patrimonio, que debía ser obxecto de protección
por parte de todos, sufra constantes agresións, algunhas, como neste caso, de xeito
premeditado, onde o descoñecemento ou descuido non poden ser empregados como excusas,
e tampouco comprendemos que a Admnistración Local, que tiña coñecemento dos feitos desde
o primeiro momento, non actuase antes.", din os ecoloxistas
"En todo caso, mostrámonos satisfeitos do actuar do Concello ante os feitos que
no seu momento denunciamos, esperando no futuro que a Administración actúe de
oficio, facendo cumprir a lexislación vixente a todos por igual, sen previa denuncia dun
particular ou colectivo".