09 septiembre 2009

F-009 asegura que
blindará las políticas sociales

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta de Galicia asegurou hoxe, no Parlamento, que ‘non vai haber perda de dereitos porque as políticas sociais –dixo- van quedar blindadas’. Feijóo garantiu, deste xeito, que as dificultades orzamentarias non van impedir ao Executivo galego blindar as políticas sociais.

‘É certo –aseverou- que nos próximos orzamentos vai haber un recorte orzamentario, non pode ser doutro xeito, porque temos que pagar as consecuencias duns orzamentos inflados e dunhas previsións irreais e enganosas e, agora, temos que devolver máis de 1.900 millóns de euros ao Estado pola súa irresponsabilidade. Pero este Goberno ten unhas prioridades claras que marcarán os Orzamentos 2010: unha necesaria austeridade; un esforzo por reducir ao máximo os gastos superfluos; blindar os gastos sociais en Educación, Sanidade e Benestar; e desenvolver novos proxectos sociais solidarios’.

Educación, gratuidade solidaria
No tocante á Educación, o presidente da Xunta asegurou que ‘a gratuidade chega agora, xa que o de antes era un sistema de préstamo’ e subliñou que, con este novo modelo, sete de cada dez escolares dos cursos beneficiados este ano poderán recibir as diferentes axudas ‘pero esta vez, -dixo- os libros van ser seus de verdade, non van ser prestados’.


Ao longo da súa intervención, Feijóo reprochou ao PSdeG e ao BNG o feito de lles moleste tanto que o Goberno axude ás persoas que máis o necesitan, ‘xa que se falamos de dereito, afirmo con rotundidade que con este sistema non se recorta ningún dereito, outra cousa é se falamos de privilexios, nese caso si, os privilexios ás rendas máis altas desaparecen’.

Diante desta situación, asegurou que centrar as críticas a este novo sistema co argumento do recorte de dereitos ‘é unha actitude na que prima claramente a demagoxia’.

Segundo o presidente da Xunta, co novo sistema se consigue: gratuidade de verdade, ‘non se teñen que devolver os libros’; cobertura, ‘sete de cada dez alumnos se beneficiarán da medida’; solidariedade, ‘non abandonamos aos que máis o necesitan, o que non é lóxico é malgastar recursos públicos ofrecendo axudas a todos por igual, sen ter en conta o nivel de renda’; e aforro, ‘na lexislatura aforraremos 20 millóns de euros’.

Feijóo asegurou que, ‘en Educación, lonxe de diminuír unha praza, incrementamos a oferta pública de emprego en 740 prazas; e lonxe de diminuír as prazas dos alumnos, acabamos de incrementar en máis de 700 prazas novas os alumnos de Formación Profesional que inician este curso; e é a primeira vez que ao inicio de curso haberá un 5% máis de prazas públicas nas escolas infantís de Galicia que no resto dos anos anteriores’.

Sanidade, rigor e responsabilidade na xestión
Feijóo asegurou que o esforzo do Goberno galego en mellorar a calidade dos servizos públicos tamén se verá reflectivo na Sanidade, ‘a través da única forma posible, con rigor e responsabilidade na xestión. Un rigor e seriedade –matizou- que se botaban de menos no bipartito, tal como deixou claro o Consello de Contas no seu informe do ano 2006’.

Ante a realidade descrita nese informe, Feijóo subliñou dous obxectivos: reducir os tempos de espera diagnósticos e de tratamento, priorizando aquelas patoloxías de maior risco vital ou que comprometen a calidade de vida dos pacientes, especialmente oncoloxía, cardioloxía e neuroloxía; e aumentar a actividade cirúrxica e diagnóstica dos hospitais.

‘En definitiva, -afirmou- queremos mellorar os indicadores de actividade dos servizos e hospitais, de maneira que non se faga pola tarde, como actividade extraordinaria, o que pode facerse pola mañá como actividade ordinaria. Así mesmo, melloraremos a rede de centros de Atención Primaria de Saúde, remataremos os Plans directores dos hospitais e os novos centros hospitalarios: posta en funcionamento do Hospital de Lugo, contratación das obras do novo Hospital de Vigo e novo Hospital de Pontevedra’.

Dependencia: máis aló do compromiso electoral
Feijóo aseverou que ‘a pesar da desfeita económica que nos atopamos, non so non se tocou un só euro do gasto social, senón que incrementamos en 28 millóns de euros o gasto social’.

Neste sentido, subliñou que o primeiro que fixo o Executivo galego, en materia de Dependencia, foi: ‘primeiro, dicir a verdade, xa que non había 16.500 grandes dependentes, senón 40.000; e segundo, cumprir o compromiso electoral de pagar 16.500 grandes depedentes. A final de ano non só cumpriremos ese compromiso senón que incrementaremos o compromiso electoral de 16.500 a 18.500. Valoramos a máis persoas, pagamos antes a máis persoas e atendemos a máis persoas’.

Feijóo lembrou que desde á chegada do novo Goberno á Xunta, reduciuse en máis do 55% o número de persoas pendentes de valoración; aumentouse nun 25% o número de persoas atendidas; e presentouse o borrador do Decreto que permitirá reducir á metade o prazo e tramitación das solicitudes, pasando de doce a seis meses.

Para o presidente da Xunta, garantir o benestar dos galegos implica moito máis que facer efectivo o cumprimento da Lei de Dependencia. E neste senso, destacou o a posta en marcha do I Plan integral para as persoas con discapacidade que tivo Galicia, nos últimos anos.

Servizos públicos de calidade para todos os galegos
O presidente da Xunta aseverou que este Goberno seguirá a traballar para ofrecer a todos os galegos uns servizos públicos de calidade, ‘e farémolo –dixo- dotando as correspondentes partidas orzamentarias’.

‘Non imos facer –dixo- como o Bipartito, prometendo hospitais sen ter os orzamentos correspondentes; prometendo abrir escolas infantís e non ter previsto as partidas para poder dotalas axeitadamente; prometendo e deixando facturas autorizadas, sen fondos para pagalas’.

Pola contra, Feijóo asegurou que os servizos públicos van a prestarse a todos os colectivos aos que van dirixidos seguindo criterios claros: ‘establecendo prioridades, optimizando os recursos dispoñibles e reducindo ao máximo os gastos superfluos, que tan ben coñecía o bipartito’.

‘Traballaremos para lograr unha eficacia e eficiencia. Os servizos públicos tamén poden ser eficientes. Non se trata de gastar máis, senón de xestionar mellor os cartos de todos os galegos, deseñando uns orzamentos realistas e austeros, que prioricen as políticas sociais; uns orzamentos nos que a Educación, Sanidade e Benestar non só non van perder, senón que van gañar peso relativo’, concluíu.