09 septiembre 2009

La Xunta defiende su nueva organización de las escuelas de idiomas

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Xosé Luis Mira Lema, recalcou hoxe que o profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) debe impartir 18 horas de clase á semana, e cualificou de “intento de usar a Educación como arma política” a folga convocada polos sindicatos do ensino para este mércores e xoves, coincidindo cos exames de setembro.

Mira Lema incidiu en que a nova organización das EOI contra a que protestan os sindicatos permitirá ofertar unha mellor formación de idioma a un maior número de alumnos sen que se resintan as condicións laborais dos profesores. De feito, esta organización permitiría ofertar servizos a 6.200 alumnos máis que na actualidade.

O director xeral de Educación destacou que a Consellería respecta o dereito á folga deste persoal docente, pero considera “difíciles de entender” as súas reivindicacións xa que a circular 5/2009 remitida ás EOI insta unicamente a cumprir coa legalidade vixente. Esta marca que os profesores deben completar 18 horas de docencia semanal fronte ás 13,5 horas que a maioría impartía ata o de agora.

Ata este momento este persoal viña impartindo 13,5 horas de docencia semanal, dando clases a 3 grupos. O resto do tempo de traballo dedicábase a Períodos Lectivos Complementarios (PLC), actividades de reforzo de carácter voluntario que contaba cunha moi baixa -e incluso nula- participación por parte do alumnado na maioría dos casos. Na práctica, estábase a incumprir sistematicamente a legalidade vixente.

Polo tanto, o obxectivo da Consellería é reorganizar as Escolas Oficiais de Idiomas para aproveitar mellor os recursos. Así, a circular 5/2009 establece que os docentes deberán dar clase a 4 grupos, completando así as 18 horas que marca a Lei ao igual que o fan no resto de comunidades autónomas.

Ademais, os cargos directivos das Escolas de Idiomas deberán asumir máis horas de clase. Se ben a Dirección Xeral de Educación considera xustificable que exista unha redución das horas lectivas para atender a funcións propias do seu cargo, o certo é que nalgunhas escolas os directores non imparten nin unha soa hora de clase. Todo isto permitirá aproveitar mellor os recursos e ofertar máis servizos a un maior número de alumnos. De feito, con esta nova organización poderíase atender a 6.200 alumnos máis que na actualidade.

Con esta reordenación, a Consellería non fai máis que garantir o cumprimento da legalidade, tal e como é responsabilidade ineludible da Administración Pública. Ademais, esta optimización de recursos redundará no beneficio do alumnado, que verá incrementada a oferta de grupos nas franxas horarias máis demandadas, ao poder dispoñer de máis profesores.

Os profesores son a solución
O director xeral de Educación quixo deixar claro que a aplicación da circular 5/2009 non se vai traducir nunha redución do profesorado, argumento esgrimido polos sindicatos para convocar a folga.

Neste sentido, Mira Lema explicou que cada Escola disporá do persoal docente necesario para cubrir as súas necesidades lectivas. Aqueles profesores que queden sen grupo como resultado da reordenación dos recursos encargaranse da nova oferta formativa en idiomas que vai poñer en marcha a Consellería.

Así, este persoal docente impartirá cursos dirixidos a completar a formación en idiomas do profesorado galego, cursos do CELGA -por certo, desatendidos agora pola ampla demanda da que gozan-, ou reforzar o traballo dos departamentos de idiomas de Institutos de Educación Secundaria.

Ademais, e seguindo o modelo doutras Comunidades Autónomas, impartiranse cursos específicos de idiomas para profesionais do comercio, da sanidade, da información, etc. Deste xeito, a alta cualificación do noso profesorado de idiomas poderá axudar a outros profesionais e colectivos galegos a mellorar a súa competencia en linguas estranxeiras. En palabras de Mira Lema, “os profesores non son o problema, son a solución”.

Acabar coa neglixencia
Por último, Mira Lema lamentou que algúns sindicatos e cargos directivos das EOIs utilicen o ensino de idiomas -e a Educación en última instancia- como arma política, convocando unha folga que causa desagradables molestias aos alumnos en plena época de exames de setembro.

O director xeral de Educación lembrou que o anterior goberno bipartito mantivo durante catro anos unha actitude neglixente, permitindo que se dilapidasen os recursos humanos, unha situación que agora resolve de forma decidida a actual Consellería cunha estratexia de clara mellora da formación de idiomas en Galicia.