08 septiembre 2009

Fecimo e Concello de Bueu poñen en marcha o Plan de Sinalización do Polígono Industrial de Castiñeiras

BUEU (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente de FECIMO, Xosé Bangueses e o presidente de AEPICAS,
Pablo Pazos, reuníronse esta mañá con Félix Juncal, alcalde de Bueu, para
comezar a planificar o Proxecto de Sinalización Integral Informativa
do Parque Industrial de Castiñeiras.
A inversión estímase aproximadamente en 20.000 euros.
Dende o colectivo empresarial de Fecimo solicitouse no pasado mes
de abril unha subvención convocada dende a Consellería de Economía e
Industria, liña de axudas mediante a cal se convocaban axudas
encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques
empresariais e recintos de localización preferente de empresas na
Comuidade Autónoma de Galicia.
ANTECEDENTES
A importancia que ten a actividade empresarial asentada no polígono
para o progreso económico e social do municipio, fixo que no ano 2007 fora
realizado un estudo de mellora das infraestruturas e servizos do Polígono,
co obxectivo de analizar e detectar os puntos de mellora e, na medida do
posible, actuar en consecuencia para dotar ás empresas alí ubicadas
daquelas infraestruturas, equipamentos e servizos que incrementasen a súa
competitividade e continuidade no tempo.
Estudo de detalle:
Para o proxecto de sinalización que se pretende levar a cabo, en
primeiro lugar, realizouse unha toma de datos in situ: planos, estrutura do
polígono, empresas que o conforman e sinalización interior existente co fin
de determinar o número de elementos informativos a instalar. Este primeiro
análise permitiu concluír que existe unha falta total de sinalización do
polígono así como da distribución das empresas instaladas, o cal prexudica
enormemente o acceso inmediato a elas.
Unha vez detectada esta necesidade, fíxose unha planificación do tipo
de elementos precisos así como da súa ubicación:
- IDENTIFICADORES DE ACCESO AO PARQUE
- DIRECTORIO XERAL DE EMPRESAS
- IDENTIFICADOR DE UBICACIÓN DE CADA UNHA DAS
EMPRESAS
- NUMERACIÓN DE NAVES.
Na reunión mantida co alcalde de Bueu, púxose en marcha a planificación e
comézase a traballar no proxecto, que se pretende sexa rematado no mes
de Novembro.
MELLORAS NOS ACCESOS
Actualmente estanse levando a cabo obras de mellora e acondicionamento
dos viais de acceso ao polígono por parte da Deputación de Pontevedra. Á
última das obras é a mellora do vial que leva a Castiñeiras dende o centro
urbano de Bueu.
Esta fora unha das demandas dos empresarios, demandas de melloras que
se veñen suscitando dende o pasado ano 2008, cando se puxera en
coñecemento do ente provincial as carencias do entorno.
Dende o colectivo empresarial agárdase que todas estas medidas de
acondicionamento de accesos cubran as deficiencias que se veñen sufrindo
dende fai anos e que constitúen un perigo para os veciños do lugar e un
prexuízo para as empresas, poñendo os medios para mellorar a seguridade
vial de peóns e vehículos en xeral.
O Morrazo, 8 de setembro de 2009.