03 septiembre 2009

la Xunta estrena el nuevo local de su "embajada" en Argentina

BUENOS AIRES (MORRAZO-TRIBUNA).-A Delegación da Xunta de Galicia en Buenos Aires comezou hoxe a funcionar no seu novo emprazamento na rúa Bartolomé Mitre 2550 da capital arxentina.

O Secretario Xeral de Emigración, Santiago Camba, e o Director Xeral de Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, visitaron as novas instalacións, situadas nun local do Centro Galicia de Buenos Aires, e defenderon este traslado como o “cumprimento do compromiso electoral” do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de “aproximar a Administración autonómica á realidade dos galegos no exterior”.

Segundo informou Santiago Camba, esta medida “non é unha decisión puntual, senón que será unha norma de actuación en toda a lexislatura”. Neste sentido, subliñou que está inserida “nos novos parámetros económicos e sociais” e que “o compromiso se estende á defensa dun rigoroso control orzamentario”. “Ábrese unha nova etapa de relacións coa colectividade galega en Arxentina”, declarou.

Así mesmo, explicou que “rescisión do contrato de aluguer da anterior sede –que custaba ás arcas públicas 45.000 euros ao mes- supón aforrar máis de 400.000 euros ao ano”. O Secretario de Emigración puxo o énfase en que os fondos aforrados no aluguer da sede “reinvestiranse en mellorar a atención, asistencia, protección e asesoramento dos galegos no exterior”.

Neste sentido, Camba indicou que “ reducir custes operativos, frear o crecemento inxustificado do gasto burocrá-ticoadministrativo, significa potenciar os servizos socio-sanitarios, as áreas de promoción comercial, captación de investimentos, cooperación universitaria, fomento do turismo e difusión da cultura galega, entre outros obxectivos xa en marcha”.

Pola súa banda, o Director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, puxo de manifesto que esta “Delegación está aberta á sociedade arxentina” e trasladou á “decisión política do Goberno galego de colaborar en diversos ámbitos coa sociedade e as institucións” do país austral.

Datos de contacto
A Delegación da Xunta de Galicia está emprazada na rúa Bartolomé Mitre 2550 da Cidade Autónoma de Buenos Aires e o teléfono de contacto é o (0054)11 4952 9400. O correo electrónico é delegacion.buenosaires@xunta.es.