09 septiembre 2009

Promocionan el Camino de Santiago en Varsovia con exposición fotogràfica

Pontevedra-Vigo / VARSOVIA (MORRAZO-TRIBUNA).- O director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, asistiu onte martes á inauguración da exposición “Auf dem Weg” (En Camiño) da artista alemá Silvia Steinbach, onde aproveitou a ocasión para promocionar o Xacobeo 2010 en Polonia desde a sede do Instituto Cervantes da capital polaca.

Na súa intervención, Ignacio Santos fixo un repaso as accións que ten previstas a Consellería de Cultura e Turismo de cara o vindeiro Ano Santo Compostelán 2010. Un plan de coidado do trazado físico das rutas xacobeas en Galicia, coa posta a punto da sinalización, extensos traballos de limpeza, a restauración do patrimonio cultural e a consolidación da rede de albergues públicos. Doutra banda, tamén se desenvolverá un programa cultural e promocional, no que ten especial cabida un plan de exposicións para Santiago, outras cidades de Galicia e España, ademais de diversos proxectos itinerantes destinados a varios países de Europa.

A produción da mostra enmárcase dentro das accións culturais organizadas pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, conxuntamente coa Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos, froito do convenio de colaboración subscrito por ambas institucións para promover os Camiños de Santiago. No acto inaugural acompañaron ao director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, o director do Instituto Cervantes de Varsovia, Juan Manuel Casado Ramos, o conselleiro da embaixada de España en Polonia, Jorge Cabezas Fontanilla e o presidente da Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos, Jesús Asorey Carril.

En Camiño está a completar un percorrido internacional por diferentes capitais europeas para promocionar e dar a coñecer fóra destas fronteiras a peregrinación xacobea. Esta mostra itinerante está composta por 55 fotografías que xa foi vista previamente polos cidadáns de Frankfurt, Colonia, Hamburgo, Estocolmo e ten previsto estar tamén noutras cidades europeas, como Cracovia (23 setembro-3 outubro), antes de chagar a Santiago de Compostela no vindeiro mes de novembro.

Patrimonio cultural e etnográfico
No seu discurso Ignacio Santos fixo un percorrido polo valor etnográfico e cultural do Camiño. Segundo o xerente do Xacobeo, a ruta Xacobea representa, “pola súa transcendencia histórica e cultural, un fito na evolución da Cultura occidental, un vínculo milenario establecido entre os distintos pobos dunha Europa que se fai peregrina e encamiña os seus pasos cara o finisterre hispano”. Neste sentido salientou que “cada camiño de peregrinación, na súa estrita expresión física, vertebra uns territorios máis ou menos distantes e un patrimonio cultural vinculado ao secular fluxo peregrinatorio que o viu nacer”.

Para Ignacio Santos a “fascinación polo sagrado materialízase en obras de arte e de arquitectura de maior ou menor expresividade, cuxas tipoloxías e formas encontran unha canle de difusión privilexiada no fecundo encontro entre culturas que supón o Camiño de Santiago”, porque tal como comentou o director-xerente do da S.A.do Xacobeo o “patrimonio cultural que xorde a través do camiño é extraordinario”.

Recompilación de experiencias no Camiño Francés
No acto de presentación, Ignacio Santos cualificou a Silvia Steinbach como unha “fotografa con gran sensibilidade xacobea” e, neste sentido, a definiu como a persoa idónea para mostrar a “gran significación do Camiño e da peregrinación en si”.

Silvia Steinbach é unha nova artista e peregrina alemá que trata mediante un conxunto de instantáneas de compoñer un relato plural e poético sobre a experiencia da peregrinación a Compostela. Ao longo do Camiño Francés Silvia realizou unha serie de fotografías dende Roncesvalles ata Santiago. Fotografou o Alto do Perdón, en Navarra, seguiu a Ponte Raíña, pasou por Estella e detívose no castelo de Clavijo en La Rioja. Despois achegouse a outros peregrinos en Burgos, fixouse na Cruz de Ferro de Foncebadón, no monte Irago e o Lago de Carucedo no Bierzo. Xa en Galicia, fotografou a montaña do Cebreiro, peregrinou ata o Alto de San Roque para recoller unha instantánea do monumento ao peregrino e en Santiago as súas rúas, prazas e a monumentalidade da súa catedral. Finalmente parte cara Fisterra, onde se oculta o sol e remata esta particular peregrinación dunha fotógrafa con gran sensibilidade xacobea.

A artista alemá reflicte a través da súa cámara tódalas experiencias que acumulou na súa senda xacobea polo Camiño Francés. A exposición En Camiño está composta por imaxes da peregrinación da artista alemá dende Navarra ata Fisterra, sendo as rúas e a catedral compostelá os protagonistas de moitas das fotografías. As vivencias dos peregrinos tamén encontran un oco dentro das instantáneas da fotógrafa.