06 mayo 2009

As Noites Vivas regresan a Mos

MOS (MORRAZO-tribuna) .Esta fin de semana a concellería de Participación Cidadá que dirixe a edil Julia Loureiro encherá de actividades as tardes e madrugadas do venres e o sábado
- “Despois da boa acollida e índice de participación que obtivo o programa Noites Vivas o pasado mes de abril, esperamos que esta nova quenda de actividades previstas para maio logre o mesmo éxito que a anterior”, declarou Loureiro esta mañán mentres anunciaba que “o vindeiro venres, día 8, retómase a iniciativa das Noites Vivas, que se prolongará ata a madrugada do sábado 9 de maio e, posteriormente, reanudarase en xuño con máis actividades”.

E é que a programación do mes de abril de Noites Vivas acadou un total de 556 participantes, dos cales 350 foron os asistentes ó concerto de Baldosa Amarilla, Turres Band e Daga de Dos Puntas; e os restantes 206 participaron nas demais actividades programadas para o mes pasado. Segundo informou hoxe a concelleira de Participación Cidadá “as actividades que tiveron máis éxito entre a xuventude mosense de menor idade foron os malabares, e as preferidas polos máis maiores foron a danza do ventre e a roda cubana”.

A programación prevista para o venres, día 8 de maio, consiste na actividade ‘Aprende Break’ nas inmediacións do centro Multiusos das Pozas, de 20.30 a 22.00 horas; ademais haberá ‘Batuka’, ‘Aprende a realizar un bo adestramento’ e ‘Basket-ball’ no Pavillón Oscar Pereiro, dende as 22.30 horas ata as 23.30 horas, e tamén no Oscar Pereiro, de 23.30 a 00.30 horas, terá lugar a actividade ‘Con moita Salsa’, na que se ensinarán pasos deste baile. E para todos aqueles que queiran desfrutar nadando na Piscina Municipal o venres pola noite, terana aberta para baños libres dende as 21.00 horas ata as 00.30 horas.

O sábado 9 continúan as Noites Vivas cunha exhibición de acrobacias con bicicletas Dirty Jump a cargo do grupo Noinchrules, que se celebrará nas inmediacións do Multiusos de 19.00 a 20.30 horas. O Multiusos das Pozas acollerá tamén, xa pola noite a partir das 21.00 horas, o Campionato Galego de Full Contact Amateur, organizado pola concellería de Deportes mosense, o ximnasio Simón e a Federación Galega de Full Contact.