VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Teresa Pedrosa, presentou hoxe no Pazo Provincial, acompañada da Xefa de Servizo de Acción Social, Marta Corrochano, e da Directora da Cidade Infantil Príncipe Felipe, Zoila Paz, o programa dos campamentos “English Summer Camp” da Deputación, que acollerán e formarán a un total de 600 rapaces e se desenvolverán nas instalacións da propia Cidade Infantil durante os meses de xullo e agosto.
Este programa de ocio e formación para rapaces de entre 10 e 15 anos desenvolverase en catro quendas distintas. Cada unha terá unha duración de 9 días, e nela participarán ata 150 rapaces, dos que 80 estarán en réxime interno e 70 serán externos.
O prezo para os internos, que se aloxarán durante os nove días nas instalacións da Cidade Infantil en réxime de pensión completa, será de 120 euros, mentres que os externos que acudan os 9 días ó Summer Camp deberán aboar 75 euros, tendo dereito a comida e merenda.
A primeira quenda dos campamentos desenvolverase entre o 21 e o 29 de xullo; a segunda, entre o 30 de xullo e o 7 de agosto; a terceira terá lugar entre o 8 e o 16 de agosto; e a cuarta e última, do 17 ó 25 de agosto. O prazo para presentar as solicitudes de inscrición para calquera das catro quendas permanecerá aberto ata o día 30 de amio.
A directora do centro, Zoila Paz, salientou, pola súa parte que “este ano os campamentos da Deputación, entre os English Summer Camp e os que todos os anos véñense desenvolvendo no Centro de Vacacións da Lanzada, acollerán a máis de 3.100 nenos”.