04 mayo 2009

Con Ruiz Rivas a la cabeza, el PP contraataca : exigen la marcha de María Xosé Caride, a ver si así se calma el impulsivo "Pachi" Vázquez

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna) .O portavoz parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, opina que o comportamento “chocante e sorprendente”, da Consellería de Política Territorial na adxudicación irregular da Autovía da Barbanza, segundo a cualificación textual recollida nun recente auto xudicial, invalida a María José Caride para ocupar un escaño na Cámara autonómica.

Neste contexto, Ruiz Rivas reclamou a Caride que renuncie á súa acta de deputada, dada a súa condición de principal artífice da adxudicación irregular da Autovía da Barbanza, “cando ademais a oferta escollida vai resultar máis cara e con máis inconvenientes na súa realización”, tal e como acredita tamén o recente auto xudicial sobre este caso.

O documento sinala, ademais que “como non gustaba (ao bipartito) o resultado da empresa contratada para que informase de quen tiña máis puntos para a adxudicación, pagouse a outra empresa indicándolle que é o que se tiña que valorar máis das distintas ofertas, cando as bases establecían uns criterios que non poderían ser variados nin orientados, xa que supoñía variar as regras de xogo para todas as empresas que se presentaron ao concurso”. O feito de que a empresa contratada por Caride para valorar as ofertas presentadas (TTU) fose contratada posteriormente pola Dirección Xeral de Transportes por 756.000 euros tampouco pasa desapercibida no auto xudicial.

CARIDE, INHABILITADA POLITICAMENTE

Así as cousas, e a xuízo dos populares galegos, o auto xudicial sobre a adxudicación da Autovía da Barbanza inhabilita politicamente a María José Caride para desempeñar calquera cargo político, dada a sucesión de anomalías que rodearon ese procedemento, que se traduciu nun sobrecuste de 30 millóns de euros que deberán ser sufragados cos impostos de todos os galegos.

Deste xeito, o auto fai referencia a indicios graves de prevaricación que non culminaron nunha condena penal pola dificultade que existe á hora de probar que as actuacións contrarias a dereito realizásense “a sabendas”.

TOURIÑO E PACHI VÁZQUEZ DÉRONLLE AS COSTAS AOS GALEGOS

En todo caso, Ruiz Rivas lembrou que a Xunta anterior permitiu incumprimentos flagrantes do prego de condicións da obra, de prazos de finalización e de calidade dos trazados provisionais, o que demostra que o bipartito do que Touriño e Pachi Vázquez formaban parte sempre estivo ao carón da empresa adxudicataria e non dos intereses dos galegos. Todo iso súmase ao feito de que cada coche que circula pola nova autovía cústalle ás arcas públicas un 9,4% pola decisión da Xunta de adxudicar os traballos a unha oferta máis cara que a escollida inicialmente polos técnicos.

O portavoz parlamentario do PPdeG cre ademais, que esas tropelías cometidas pola Administración anterior foron xulgadas polas urnas dun modo claro, aínda que se mostrou sorprendido de que os socialistas saquen peito agora da forma en que xestionaron este asunto. Así, volveu instar a Manuel Vázquez a que asegure de forma solemne que, en caso de seguir gobernando, terían actuado hoxe do mesmo xeito que o fixeron en 2005 á hora de adxudicar unha obra como esta.

Ruiz Rivas reitera que a adxudicación da autovía do Barbanza foi un anticipo do que sería a febre polo despilfarro da que fixeron gala os socialistas durante a pasada lexislatura. Afirma que o PSOE desde o Goberno non tivo problema en dilapidar fortunas en luxosos caprichos, como tampouco o tiveron en pagar 30 millóns de euros extra por unha autovía que financiaron co diñeiro de todos.

Neste sentido, o portavoz parlamentario do PPdeG contrapón as irregularidades administrativas e o derroche cometido polo bipartito coa austeridade implantada por Feijóo desde a Presidencia da Xunta de Galicia.