VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) . A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, ofreceulles ao colectivo de traballadores autónomos de Galicia “portas abertas” e “diálogo permanente” para poder "definir medidas" encamiñadas a evitar peches de negocios e mellorar a calidade de vida deste colectivo.
- Mato, que se reuniu co presidente da Federación de Autónomos de Galicia (Feaga), Paulino Franco; co presidente da Confederación de Autónomos y Profesionales de España (Caype), Eliseo Calviño; e co presidente da Federación de Profesionais Autónomos de Galicia (OAP), José Conde, sinalou que espera que exista un diálogo recíproco cun sector que, no que vai de ano, perdeu 3.000 traballadores dos máis de 230.000 que o integran.
"Por cada autónomo que se dá de alta créanse 1,7 postos de traballo", sinalou Mato, quen defendeu que o Goberno galego pretende atender a este colectivo, “que estivo abandonado nestes últimos anos".
Para facer fronte a esta situación, Mato ofreceu e pediu un diálogo permanente que permita establecer mecanismos que eviten a redución de emprego e que impulsen a actividade empresarial.
Así o expresou tras os encontros bilaterais mantidos hoxe con responsables das distintas asociacións de autónomos, que a conselleira enmarcou dentro da rolda de contactos con colectivos do tecido empresarial, tras iniciar a semana pasado as conversas con patronal e sindicatos.