VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, salientou hoxe na súa intervención na presentación do delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo, que coa reforma se melloran as posibilidades de comunicación entre a sociedade e o Goberno, xa que o delegado territorial “constitúese nun fiable e directo interlocutor” co presidente e co goberno da Xunta en xeral. No acto estiveron presentes funcionarios das delegacións da Xunta en A Coruña, alcaldes e as conselleiras de Sanidade e Traballo e Benestar.
Todo iso ademais de cumprir o compromiso de eficiencia e austeridade anunciado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. “Entendemos que nun tempo de dificultades económicas a austeridade é un imperativo moral”, subliñou Rueda, quen advertiu de que o Executivo e a Administración deben estar en sintonía moral coa sociedade, coas familias e coas persoas: “Se os administrados viven austeramente, a Administración tamén se debe personificar e se debe desenvolver austeramente”, dixo.
En todo momento, o responsable de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza incidiu no feito de que a nova estrutura pretende producir unha mellora da dirección e da coordinación administrativa, á que contribuirán, segundo dixo, o secretario territorial e os xefes dos departamentos territoriais, integrados todos eles na comisión territorial de coordinación.
Diálogo institucional
Outro dos eixes da súa intervención xirou na necesidade do diálogo e a coordinación cos alcaldes, sempre dende o respecto máis escrupuloso ao principio de autonomía local. Nese sentido, fixo unha chamada á colaboración de todo o mundo, desde a persoal dos funcionarios ata a institucional entre as distintas administracións.
Tamén o delegado provincial na Coruña, Diego Calvo, aproveitou o seu discurso para poñerse a disposición dos alcaldes e dos cidadáns da provincia en xeral e destacou que a reorganización do modelo de representación provincial da Xunta permitirá acadar unha maior eficiencia e reducir os trámites administrativos.
Finalmente, explicou que o traballo que desenvolverán os delegados –el mesmo na Coruña, Raquel Arias en Lugo, Rogelio Martínez en Ourense, José Manuel Cores Tourís en Pontevedra e Lucía Molares en Vigo- será de coordinación e a vez decisorio, e aproveitou para manifestar a confianza que ten nos empregados públicos e na súa capacidade.