VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .O vicepresidente e Deputado delegado de Cultura, José Juan Durán, presentou hoxe en Vigo unha nova edición do concurso Novos Valores que é un dos certames máis sobranceiros dos organizados polo Museo de Pontevedra xunto coa Bienal de Arte e os Premios á Investigación.
- Poderán participar neste certame, sen límite de idade, todos os artistas –pintores, escultores, debuxantes, deseñadores, gravadores, fotógrafos, ceramistas ou vídeocreadores- susceptibles de seren considerados novos valores, naturais ou residentes en Galicia. Quedan excluídos da convocatoria os artistas xa premiados nalgunhas das anteriores edicións.
As obras presentadas deberán ser orixinais, non admitíndose as que xa fosen expostas noutras mostras, individuais ou colectivas, ou figurasen noutros concursos
Os participantes poderán presentar as súas obras no novo edificio do Museo Provincial de Pontevedra, ben persoalmente, ben a través dun medio de transporte que garanta a súa entrega. O prazo de recollida estenderase desde o día 26 de maio ata o 5 de xuño do ano en curso, de martes a venres e entre as 10:00 e as 13:00 horas.
Xunto coa obra ou obras, os artistas entregarán, nun sobre pechado, unha fotocopia do seu DNI e o boletín de inscrición con todos os campos debidamente cubertos. Este poderá ser recollido tanto no Servizo de Cultura da Deputación Provincial coma no Museo de Pontevedra.
O xurado seleccionador estará composto polo titular da Corporación Provincial ou o deputado en quen delegue; o deputado-presidente da Comisión de Cultura; cinco persoas de recoñecidos prestixio nos campos da Crítica, das Artes ou da Historia da Arte; así como o secretario titular da Deputación ou o funcionario en quen delegue.
Este mesmo xurado serán o encargado de propor, de entre as obras inicialmente, seleccionadas, a adxudicación ós seus autores de seis axudas económicas para a ampliación dos seus estudos artísticos, por importe de 6.000 euros brutos cada unha (36.000 euros en total). Un destes premios levará o nome de José Fernández López e deberá recaer necesariamente nunha obra pictórica.
As persoas interesadas en obter máis información poderán consultar as bases do Certame Novos Valores na páxina web da Deputación www.depo.es.