VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A Deputación Provincial de Pontevedra patrocina a única proba da Copa de España de Ciclismo que se celebra en Galicia nas categorías Elite e Sub-23. O evento deportivo desenvolverase o domingo 24 de maio e terá como punto de partida (10.00 horas) e de meta (13.45 horas) a Alameda de Pontevedra.
A Copa de España de Ciclismo foi presentada hoxe no Pazo Provincial polo deputado de Deportes, José Enrique Sotelo; polo presidente da Federación Galega de Ciclismo, Sabino Cortizo; e polo técnico deportivo, Guillermo Sande.
Os ciclistas percorrerán 148 quilómetros ó longo dos municipios de Pontevedra; Soutomaior; Vigo; Gondomar; Tui; Pazos de Borbén; Salvaterra; Ponteareas; Marín; Pontevedra.
Participarán un total de 23 equipos de Galicia (Lugo; Padrón; Porriño; Vigo; Cambre; Poio); Biscaia; Madrid; Navarra; Burgos; Xirona; Santander; Alacante; Tarragona, Oviedo; Gipuzcoa; Pamplona, e Córdoba.
José Enrique Sotelo puxo de relevo ó apoio da Deputación ó deporte do ciclismo que se plasma na colaboración económica coa Federación Galega para a organización de probas como a Volta ó Salnés; o Circuíto Deputación; a Copa BTT ou a presente coa copa de España de Ciclismo.
Sobre este respecto, o titular da Federación Galega de Ciclismo manifestou o seu agradecemento ó entender que “neste momento no que é máis difícil acadar patrocinios o compromiso da Deputación faise moito máis importante”. Así mesmo, comentou que “grazas ó respaldo da institución conseguimos potenciar novamente carreiras ciclistas que estaban en franca diminución, algunhas das cales levaban dez anos sen celebrarse”.
Pola súa banda, o técnico deportivo, Guillermo Sande, catalogou a proba como “moi dura” o percorrido previsto “xa que pasará por catro portos de montaña e por dúas metas volantes”. Puntualizou que os ciclistas terán que subir ó alto de Peinador; ó monte do Cuvi; a Pazos de Borbén e ó Lago de Castiñeiras. Así mesmo comentou, haberá baixadas rápidas e complicadas. Para Sande, “probablemente o gañador decidirase na subida a Castiñeiras”.