21 mayo 2009

De cómo Feijóo ya templa gaitas y no se habla ya de 14 concellos dependientes de la Delegación de la Xunta en Vigo...

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe que as delegacións territoriais do Goberno galego en Pontevedra e Vigo manterán todos os seus servizos, coa redución de gastos que supón pasar de 14 a 2 delegados provinciais. Así o manifestou o xefe do Executivo autonómico na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, celebrado “por primeira vez en 27 anos de autonomía” na cidade de Pontevedra.

Feijóo resaltou que os 915 empregados públicos que actualmente traballan na Delegación territorial da Xunta en Pontevedra, e os 620 funcionarios que desempeñan o seu labor en Vigo seguirán traballando no mesmo lugar. Así mesmo destacou que o compromiso da Administración autonómica pasa por afondar no sistema da ventanilla única.

“Imos intentar e ímolo conseguir, seguir apostando pola ventanilla única e polas novas tecnoloxías, de forma que calquera cidadán da provincia de Pontevedra poda presentar calquera documento, calquera expediente, en calquera ventanilla única da Xunta de Galicia”, subliñou o máximo mandatario galego, quen engadiu que para acadar ese obxectivo, o Executivo autonómico aprobará un plan de novas tecnoloxías que facilite “o acceso dos administrados á Administración”.

O presidente galego explicou que o Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto da estrutura da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que se enmarca na liña do compromiso coa austeridade do Goberno autonómico, reducindo de 52 a 5 os delegados territoriais da Xunta.

Feijóo remarcou que ese compromiso coa austeridade afecta aos altos cargos, “non aos empregados públicos nin aos servizos”. Así, reiterou o “compromiso solemne coa cidade de Pontevedra” e indicou que “o 100% dos servizos” que se prestan en Pontevedra, e “o 100% dos empregados públicos” da cidade se manterán. “Manteranse os mesmos servizos, manteranse as mesmas sedes administrativas e o que se reduce simplemente son o número de delegados, que de 14 que antes existían pasan a 2”, subliñou.

Nas súas declaracións, o titular da Xunta lamentou que haxa “partidos que defenden a creación e o mantemento de 52 altos cargos, os 52 delegados do bipartito”, mentres que o actual Goberno galego aposta “pola redución dos altos cargos, de 52 a 5”.

O presidente do Goberno galego expresou que se o bipartito de Pontevedra segue adiante cos seus plans de convocar unha manifestación, esta sería “unha manifestación histórica, a primeira que se fai porque un goberno reduce o número de altos cargos”. Nese sentido, engadiu que “se o que se quere é facer unha manifestación a favor dos altos cargos, que a fagan o Bloque e o PSOE, nós como Goberno, como responsables do programa electoral, do plan de austeridade, nunca nos imos manifestar a favor de incrementar o número de altos cargos”.

O máximo mandatario galego instou ao alcalde de Pontevedra a aclarar cómo pode falar da perda da capitalidade da cidade cando está en contra de que exista a provincia. “Cómo poden pedilo, os que falan de que Galicia é unha nación, os que non están de acordo en que existan provincias”, preguntou o presidente.

Aforro de 1,5 millóns de euros da Consellería de Presidencia
Na súa comparecencia ante os medios, Alberto Núñez Feijóo informou de que a nova estrutura da Consellería de Presidencia aprobada hoxe polo Consello suporá un aforro de 1,5 millóns de euros ao longo da lexislatura, cumprindo co compromiso de austeridade do Goberno. Isto é así, porque a Consellería de Administracións Públicas e Xustiza reducirá en 10 o número de funcionarios de libre designación, concretamente 7 xefes de servizo e 3 subdirectores xerais, o que contribúe a aforrar un 6% o custo deste departamento con respecto á anterior lexislatura.

Ademais, Feijóo explicou que a Consellería de Presidencia mantén seis direccións xerais, sendo a máis importante a de Xustiza. Neste marco avanzou que o Goberno galego quere imprimir un “cambio de rumbo” no funcionamento da xustiza, para o que xa se iniciaron os contactos coa xuntanza que mantivo esta semana co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Indicou que a Xunta deseñará “con carácter urxente” un plan de medios e de aplicacións informáticas que “diminúan a carga burocrática que nestes momentos colapsa os xulgados de Galicia”.