21 mayo 2009

Feijóo saca pecho con sus aprobadas rebajas de impuestos

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .O presidente da Xunta, anunciou hoxe, tras a rolda de prensa do Consello da Xunta que se celebrou en Pontevedra, a segunda medida para loitar contra “a tráxica herdanza económica”, unha rebaixa fiscal do 50% dos impostos autonómicos que gravan a adquisición de vivenda habitual para familias numerosas e para menores de 36 anos. “Imos reducir no 50% os dous impostos autonómicos que gravan a adquisición de vivendas. O imposto de transmisións patrimoniais e o imposto de actos xurídicos documentados. E ímolo facer en beneficio das familias numerosas galegas, máis de 67.000, e en beneficio dos maiores de 18 anos e menores de 36 anos, máis de 330.000”.

“Estamos polo tanto facendo unha rebaixa fiscal para que ao redor de 500.000 galegos poidan resultar beneficiados, e estamos reducindo as transmisións patrimoniais do 7% ao 4%, e de actos xurídicos documentados do 1% ou 0.75% segundo os casos, ao 0.33% para todos os casos”, destacou o mandatario autonómico na súa intervención tras a reunión do Goberno.

Beneficios para vivenda habitual
Feijóo quixo subliñar que este tipo de diminución da rebaixa fiscal do 50% dos impostos autonómicos que gravan a adquisición de vivenda, se fai para todas as operacións, xa sexa primeira adquisición de vivenda, ou outra adquisición, sempre que a vivenda que se adquira se dedique exclusivamente a vivenda habitual.

Esta decisión do Goberno galego vai supoñer que non só se vai beneficiar o que compra por primeira vez unha vivenda, senón que tamén se beneficia o que cambia esa vivenda, sempre que esa vivenda que cambia se dedique exclusivamente a vivenda habitual. “Pensamos que esta reforma está xustificada, é necesaria, é posible é solidaria e é loxicamente excepcional, e polo tanto temporal”, engadiu.



Medida xustificada, necesaria, posible, solidaria e temporal
O presidente da Xunta destacou que “a reforma é xustificada”, porque non é o mesmo a política fiscal en tempos de bonanza que en tempos de crise económica; a reforma “é necesaria” porque temos censadas máis de 60.000 vivendas que se queren vender pero que non teñen comprador, e por iso imos intentar impulsar as compras de vivendas habituais en beneficio das persoas que máis o necesitan neste momento.

Feijóo considerou que a reforma “é posible” porque temos autogoberno para facelo, e polo tanto temos que exercitar as nosas capacidade, aínda que sexan limitadas, “é asumible” porque o custo anual previsto non excederá de 7 millóns de euros anuais, pero incrementaremos outros impostos a través de incentivar o consumo, porque cada vez que se compra unha vivenda nova se incrementa o número de electrodomésticos, mobles e accesorios e polo tanto se incentiva o consumo.

O titular do Goberno galego destacou que a reforma “é lóxica e é sensata”, porque Galicia é unha das Comunidades que tiña os tipos destes dous impostos máis altos de toda España e puxo como exemplo que, o aforro medio estimado nunha vivenda de 180.000 euros será de 7.000 euros.

Engadiu na súa exposición que a medida “é excepcional, e polo tanto temporal”, porque será como mínimo ata o ano 2011 e poderase prorrogar anualmente pola Lei de presupostos ata que saiamos da crise económica na que estamos instalados.

Medidas económicas para saír da crise
O mandatario galego afirmou que o goberno da Xunta “vai seguir apostando por medidas económicas para saír da situación crítica na que estamos”. Para Feijóo, sen dúbida a primeira e imperiosa obriga deste Goberno é loitar contra a tráxica herdanza económica que hoxe está a padecer Galicia, e puxo como exemplo un dato que resume a situación de Galicia: “cos datos do primeiro trimestre, xaneiro-marzo do ano 2009, polo tanto, cos datos antes do cambio de Goberno, Galicia está en recesión económica”.

Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, feitos públicos onte, Galicia ten un crecemento negativo superior ao 2%, é a primeira vez, desde 1993 que Galicia entra en recesión económica. “Polo tanto –subliñou Feijóo- temos que extremar todas as medidas económicas, todas as que estean á nosa disposición. Co autogoberno, coa capacidade normativa, coa capacidade tributaria e coa capacidade fiscal que ten o Goberno, temos que extremar todas as medidas para volcarnos na situación de recesión económica que está a vivir o noso país”.

Primeiro director xeral da CRTVG que no nomea a Xunta
Feijóo destacou, na súa intervención que, “por primeira vez o Consello da Xunta non nomea ao director xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia; por primeira vez, o Consello da Xunta propón ao Parlamento, o nomeamento do director da compañía e; por primeira vez, o candidato está ou estivo consensuado co PSdeG, tendo en conta en todo momento a súa opinión e tendo en conta a posición do Partido Socialista en relación cos candidatos propostos polo Partido Popular”.

Reiterou que o PP lle propuxo ao PSOE catro candidatos e os socialistas seleccionaron un deles, e esa selección foi seguida e admitida polo PP. “Polo tanto, estamos ante un suposto no que o PP fixo unha preselección de candidatos e a selección última foi consensuada co PSOE”, dixo. Posteriormente, engadiu o mandatario galego, ao acadar ese consenso se lle notificou ao BNG por se tiña que facer algún comentario.

Feijóo engadiu que o Consello da Xunta traslada ao Parlamento como candidato a ocupar a dirección da CRTVG ao xornalista e profesor universitario Alfonso Sánchez Izquierdo, persoa consultada co Partido Socialista de Galicia.

O director da CRTVG é un xornalista de oficio, coñecido, con máis de 30 anos de experiencia, e é un profesor universitario na Facultade de Xornalismo de Santiago, “unha persoa independente que ten as mans libres para xestionar a Compañía, con criterios de pluralidade e someténdose exclusivamente á Lei de creación do ente, polo tanto esperemos que a partir de agora a compañía inicie un camiño de obxectividade, de imparcialidade e de apartidismo político. Iso é o que esperamos con este nomeamento consensuado e consultado co Partido Socialista de Galicia e tamén consultado co BNG”, concluíu o Presidente galego.