02 mayo 2009

Deputación echará una mano a los Concellos ante su crítica situación

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A Deputación de Pontevedra anunciou que axudará ás entidades locais da provincia con 1.145.372 euros dos fondos da Caixa de Anticipos reintegrables, dos que o 80% —916.298 euros— concederase por concorrencia competitiva, mentres que o 20% restante —229.074 euros— farase por concesión directa.
Louzán xustificou esta medida aclarando que “en moitos concellos da nosa provincia, o investimento previsto para o presente exercicio é de 0 euros. Salvo que este diñeiro lle veña da Deputación, da Xunta de Galicia ou do Goberno Central, o capítulo de propio de investimentos é inexistente”.
Por ese motivo, “aprobamos unha caixa de anticipos para poder trasladarlle ós concellos diñeiro con que afrontar aqueles gastos que nestes momentos non poderían empregar en cuestións básicas e necesarias”, apuntou.
Neste sentido, engadiu, “tamén abrimos outra liña de anticipos do ORAL, para actuar en función das necesidades que teñan os concellos en materia de recadación”.
Estes anticipos corresponderanlle a aquelas entidades locais da provincia cun número de habitantes de dereito igual ou inferior a 25.000, durante o exercicio anterior para investimentos.
Con cargo a este programa concederanse anticipos con carácter preferente, para facer fronte á achega dos entes ós investimentos incluídos en plans provinciais de cooperación, en investimentos financiados con Fondos FEDER ou outros fondos comunitarios, así como naqueloutros financiados pola Administración do Estado ou a Comunidade Autónoma; para o resto de investimentos en obras e servizos dos entes locais, ou, con carácter excepcional, anticipos para operacións de tesourería para facer fronte a situacións transitorias ou de emerxencia dos entes locais.
Os anticipos terán un importe máximo do 75% do custo do investimento, sen superar os 300.000 euros. En casos especiais, poderase incrementar a porcentaxe e o importe absoluto. Así mesmo, cando trala asignación de acordo coas límites anteriores haxa excedente de crédito poderanse incrementar os importes inicialmente concedidos ata o esgotamento do crédito sobrante ou proceder a unha nova convocatoria.
As solicitudes para a presente convocatoria poderán presentarse ata o 29 de xuño e resolveranse o 29 decembro.
Os anticipos concederanse en base ás seguintes normas: para achegas a plans provinciais de investimentos, investimentos financiados con fondos FEDER ou outros fondos comunitarios, así como aqueles outros financiados pola Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, valórase ata 5 puntos; investimentos en servizos públicos mínimos regulados, valórase ata 2 puntos; importancia do investimento, valórase ata 10 puntos; achega do Concello ó investimento, valórase ata 2 puntos; esforzo fiscal per cápita, valórase ata 1 puntos; número de habitantes de dereito do ente local, valórase á inversa, ata 5 puntos; especial dificultade na prestación de servizos, valorarase ata 3 puntos.