24 mayo 2009

El Bloque aprovecha los mítines "europeos" para arrearle al PP en la Xunta

MELIDE (MORRAZO-tribuna) .- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou este serán en Melide nun mitin da campaña das Eleccións Europeas do 7 de xuño no que cargou contra o labor do PP nesta nova lexislatura, de xeito especial, no referido ao mundo do agro e indicou que “con eles no goberno, volven as políticas do derrotismo e do abandono para o campo galego”.

Fronte a isto, o número un nacionalista explicou o papel que o BNG ten xogado e vai levar adiante nos vindeiros cinco anos en Bruxelas nos que “o nacionalismo vai defender outro estatus para o sector lácteo en Europa e a regulación, a través da intervención pública para garantir rendas dignas aos labregos e gandeiros galegos”.

O portavoz nacional afirmou de xeito rotundo que a candidata do BNG, Ana Miranda, vai ser a encargada de defender o futuro do agro galego en Europa e de saiban “na Comisión Europa que Galiza existe”.

O líder nacionalista cargou contra a política lingüística do PP e lembrou que Galiza “é unha “nación europea cunha lingua de seu que vai ser a lingua dos nosos fillos, queiran os do PP ou non”, dixo, “por iso saíron milleiros de persoas ás rúas de Santiago a reclamar os seus dereitos o pasado día 17”.

Fronte a isto, “o PP quer exterminar a lingua” e contrapuxo as afirmacións dos populares coa realidade europea na que países plurilingües como Suiza, están entre os máis avanzados. Vázquez lembrou que “onte mesmo, o goberno galego fixo levantar aos sindicatos da mesa ao decidir que non se teña que demostrar que se sabe galego para aprobar oposicións á función pública, pero si hai que saber español. Que igualdade de dereitos é esa?”, perguntouse, “non temos dereito a que nos atendan en galego?”

O número un do BNG criticou as “présas” do PP por chegar ao goberno “para facer cousas coma ésta?”, perguntouse, “en lugar de preocuparse por solucionar problemas, eles só queren dar marcha atrás e só se preocupan por crear estruturas políticas para manter o poder” e, neste sentido, dixo que “en lugar de presentarnos supereurodeputados para defender os intereses dos galegos e galegas, presentan a superdelegados, comisarios políticos, ao servizo exclusivo do PP”.

“Mentres eles están a destruír, nós estamos a construír esa Galiza que queremos e esa Europa”, concluíu.

A Europa de Berlusconi

O portavoz nacional asegurou que PP e PSOE presentan unha campaña fría “porque non queren falar de Europa, porque non teñen nada que propoñer. Están absolutamente dacordo co modelo actual da UE. Este modelo no que están Berlusconi, Sarkozy ou Merkel, un modelo contestado por milleiros de cidadáns da Unión Europea”.

Asi, o líder nacionalista lembrou os múltiples “non” que obtivo o referendo sobre a Constitución Europea nos estados consultados e ironizou afirmando que “porque non lles preguntaron a máis, que senón, máis aínda dirían que non”.

Finalmente, Guillerme Vázquez enumerou os diferentes aspeitos nos que o BNG traballará “porque queremos outra Europa” e criticou o esquecemento que sufren en Estrasburgo moitos dos temas que afectan ao noso país ou conflitos internacionais como o do pobo palestino no que, segundo ironizou, “o único que fixo o señor Solana foi ghastar ghasoil para arriba e para abaixo sen facer nada”.

“Aerodeputados” do PP e PSOE fronte ao labor do BNG

No mitin, no que se congregaron varios centos de militantes, intervieron tamén a alcaldesa Socorro Cea e a número un da candidatura ás eleccións europeas, Ana Miranda, que lembrou que os homes e mulleres do BNG “somos galegos por convencimento e por iso imos estar en Europa con voz e con voto”.

A candidata contrapuxo o labor desenvolvido polo BNG na Eurocámara co dos “aerodeputados do PP e do PSOE, que só facían a viaxe de aqui a alá e votaban as propostas dos seus partidos dictadas desde Madrid e por non preocuparse, nen sequera se preocupaban de que o noso país teña conexións aéreas directas con Europa”.

Fronte a este nulo labor de socialistas e populares, Miranda destacou o impulso amosado polo BNG co seu inxente labor a prol do sector lácteo, da nosa pesca, ou de cuestións relativas a políticas sociais e de dereitos humans e insistíu en que “se non hai unha auténtica voz galega en Europa, Galiza non está”.