VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, subliñou hoxe na apertura da campaña para as Eleccións ao Parlamento Europeo do 7 de xuño que “co BNG en Bruxelas os intereses e os problemas de Galiza estarán presentes en Bruxelas”.
Guillerme Vázquez fixo estas declaracións esta noite no Palexco da Coruña no acto de pegada de cartaces no que tamén interveu a candidata do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda.
“Co BNG Galiza vai ter voz en Europa”
O portavoz nacional asegurou que “a eurodeputada do BNG en Bruxelas será unha verdadeira defensora dos intereses da nación galega, como o sector naval, o lácteo ou a política pesqueira”, uns intereses que para os partidos estatais “están totalmente ausentes”.
Guillerme Vázquez tamén salientou a “aposta firme do BNG por un modelo de Europa social, antagónica ao modelo neoliberal que nos levou a esta grave crise, e que se implique na resolución de conflictos no mundo, como o conflito de Oriente Medio”.
“Seremos os portavoces en Bruxelas dos intereses de todo o pobo galego”
Pola súa parte, Ana Miranda asegurou que “o BNG non vai só a Bruxelas, porque imos ser os portavoces de todo o pobo galego no Parlamento Europeo”.
A cabeza de lista do BNG criticou que durante estes últimos cinco anos “Galiza estivo completamente ausente na cámara europea , asistimos á procesión dos caladiños dos representantes de PP e de PSOE”.
Neste sentido, Ana Miranda comprometeuse a ser a partir do 7 de xuño “a representación diplomática da nación galega en Bruxelas, de todos aqueles que pensan en Galiza como nación e que desexan unha Europa máis democrática e máis social”.
“Galiza xógase moito nestas eleccións”
A candidata do BNG explicou que o lema de campaña Imos a Europa, ves? “resume o espírito da nosa campaña: moi participativa e moi en diálogo coa sociedade galega”.
Ana Miranda lembrou que Galiza “xógase moito nestas eleccións porque en Bruxelas adóptanse moitas decisións que nos afectan de xeito crucial”. “Por iso –salientou- temos que estar presentes en Europa a través do BNG para defender con voz propia os nosos intereses”.
A candidata do BNG rematou a acto de inicio de campaña cunha videoconferencia coa emigración galega en Uruguai.