VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, destacou que “superada a fase de transmisión do novo virus da gripe A(H1N1), é necesario que se inicien os traballos de preparación das ondas epidémicas que, previsiblemente, aparecerán o vindeiro outono”. Así llo transmitiu á ministra de Sanidade e Política Social nunha carta na que Pilar Farjas insta ao Ministerio a que lidere a posta en marcha a loxística que permitirá poñer en marcha estes traballos, como organismo encargado de liderar e coordinar todas esta actuacións.
Actualmente está finalizada a fase de revisión de protocolos, tal e como propón o Plan Nacional de Preparación e Resposta ante unha Pandemia de Gripe, integrado por representantes técnicos de todo o Sistema Nacional de Saúde, que “xa procederon á revisión dos diferentes protocolos, dende a definición e manexo dos casos, ata as medidas de distanciamento social, e vacinacións, entre outros”, segundo sinalou Farjas Abadía.
Tendo en conta que o Plan Nacional de Preparación e Resposta ante unha pandemia de gripe dispón as premisas de actuación coordinada e a de supoñer implicacións económicas significativas para o Sistema Nacional de Saúde, a conselleira de Sanidade considera necesario que o Ministerio “proceda a elaborar os estándares mínimos de loxística ante a previsible intervención na pandemia de gripe e a súa estimación económica”.
Pilar Farjas solicitou polo tanto, a convocatoria do “órgano interministerial que aprobe dito informe económico e o eleve ao Consello de Política Fiscal e Financeira en aras da adopción de medidas orzamentarias que correspondan para garantir que o equilibrio financeiro do Sistema Nacional de Saúde non se rompa”.
Por outra banda, a conselleira de Sanidade solicitou a inclusión na Orde do Día do vindeiro Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde do 3 de xuño, a inclusión do cambio de criterios médicos de prescrición e dispensación da pílula postcoital, e do proxecto de Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo e Saúde Sexual Reprodutiva, co obxecto de “informar e estudar estas medidas no seno do Consello Interterritorial”.