22 mayo 2009

Jubilados de Moaña visitan Deputación

MOAÑA/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O deputado José Enrique Sotelo recibiu hoxe no Pazo Provincial á Asociación de Mulleres e á Asociación de Xubilados de Moaña. Estes colectivos visitaron hoxe a Deputación no marco do programa “Coñece a Túa Provincia”.
Sotelo explicoulles ós participantes cómo funciona a administración, a súa composición e competencias e, entre outras cousas, enumeroulles os organismos autónomos que dependen desta entidade.

Este programa ten por obxecto achegar a Deputación e a provincia á cidadanía, fomentar a convivencia e o asociacionismo entre os distintos colectivos e contribuír ó enriquecemento cultural a través da posta en marcha de visitas guiadas ós centros integrantes do patrimonio da Deputación (Museo, Pazo Provincial, castelo de Soutomaior, Pazo de Lourizán, Mouriscade, á Finca do Areeiro, o Palacete das Mendoza, o Pazo Gandarón e o centro de vacacións de A Lanzada, entre outros.

O custe de cada viaxe ascende a 25 euros por persoa dos cales 15 son achegados pola Deputación e 10 polos destinatarios. Este prezo inclúe o transporte das persoas en autobús dende os diferentes puntos de saída; dúas guías informativas durante todo o percorrido; a comida (cun menú que inclúe dous pratos, postre, bebidas e café) e o correspondente seguro de viaxe. As visitas son de ida e volta o mesmo día.