21 mayo 2009

La Xunta cree que su nuevo modelo organizativo es altamente beneficioso para la ciudadanía

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O novo modelo de Administración periférica posto en marcha pola Xunta de Galicia, que reduce os 52 delegados provinciais a tan só 5 delegados territoriais, permitirá aos cidadáns efectuar as xestións administrativas que precisen en cada unha das sedes –A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo-, ao tempo que suporá unha maior eficiencia e austeridade.

Como establece no seu artigo 2 o decreto que regula as delegacións territoriais, aprobado o 30 de abril e publicado no Diario Oficial de Galicia o 1 de maio, haberá un delegado á fronte de cada unha das cinco delegacións, que exercerá a representación da Xunta e asumirá a coordinación do exercicio das competencias da Administración galega no seu respectivo ámbito territorial.

Así, Diego Calvo exerce a representación política da Xunta na provincia da Coruña, Raquel Arias en Lugo, Rogelio Martínez en Ourense, Lucía Molares nos 14 concellos da área de Vigo –Nigrán, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Pazos de Borbén, Mos, Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Vigo, Cangas e Moaña- e José Manuel Cores Tourís nos restantes concellos da provincia de Pontevedra.

Ademais de exercer a representación oficial da Xunta, os delegados deben coordinar os órganos da súa delegación, impulsar a actividade administrativa e velar polo eficaz emprego dos medios dispoñibles no territorio da súa competencia. Tamén facilitarán a coordinación da acción da Administración autonómica coa do resto de administracións que actúen no seu ámbito, dictarán instruccións e ordes de servizo para o mellor funcionamento da delegación e asegurarán o cumprimento das disposicións legais e regulamentarias na actuación dos órganos da Administración autonómica, entre outras funcións.

Sen duplicidade nos servizos
Así, a principal diferencias respecto ao modelo anterior estriba no aforro que se produce, xa que se pasa de 14 delegados na provincia a tan só 2, do mesmo xeito que se reduce o número de xefes territoriais ao reducirse as consellerías de 13 a 10. A nivel galego, e segundo os cálculos feitos pola Dirección Xeral de Orzamentos, o novo modelo de Administración periférica permitirá un aforro ás arcas públicas de máis de 3,7 millóns de euros anuais.

Outra das novidades é que, se antes os cidadáns se tiñan que desprazar a Vigo ou a Pontevedra para falar cos representantes políticos da Xunta, dependendo onde estivese o servizo, agora poderán ser atendidos polo delegado de calquera das dúas cidades, xa que no seu ámbito territorial ostentan a representación da Xunta na súa totalidade e non só dunha consellería específica.