VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o novo Goberno galego ten claro que os dereitos e prestacións dos galegos han de chegar a todos os territorios, e amosouse convencido de que a creación da figura do delegado territorial permitirá acadar ese obxectivo.
Na presentación do delegado territorial en Ourense, Rogelio Martínez, o conselleiro salientou que estes cinco novos representantes territoriais da Xunta –Diego Calvo, Raquel Arias, José Manuel Cores Tourís, Lucía Molares e o propio Rogelio Martínez- contribuirán a achegar “prestacións e infraestruturas, posibilidades e oportunidades” a todos os galegos, vivan onde vivan.
Rueda pediu a colaboración de todos para que o novo sistema estea a pleno rendemento o antes posible. A nova estructura periférica da Xunta permitirá acadar unha mellora da dirección e da coordinación administrativa, ademais de producir unha gran reducción nos gastos da propia Administración, ao pasar de 52 a tan só 5 delegados.
“Non obstante, coa reforma emprendida tamén se melloran as posibilidades de permanente comunicación política entre a sociedade e o Goberno galego”, explicou o titular de Presidencia, que rematou en Ourense a presentación dos cinco delegados provinciais, que xa se atopan traballando e a disposición dos cidadáns.
Precisamente, o delegado en Ourense destacou que dedicará todos os seus esforzos a conseguir o triple compromiso coa austeridade, coordinación e equilibrio territorial que representan as delegacións territoriais. Rogelio Martínez recordou que provén do ámbito municipal e manifestou o seu desexo de contar na súa nova andadura cos concellos, coas mancomunidades e coa Deputación Provincial.
Nese sentido, aspirou a erguerse como un “instrumento de diálogo eficaz” entre Xunta e concellos e aproveitou a presencia de alcaldes de toda a provincia e aproveitou para convidalos a traballar nun proxecto común. Así mesmo, quixo deixar claro que outro “alicerce básico” da súa actuación serán os funcionarios, dos que destacou a súa profesionalidade.