07 mayo 2009

Nuevos conciertos en el nuevo edificio del Museo de Pontevedra

PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O novo edificio do Museo de Pontevedra acollerá este xoves e sábado dous novos concertos incluidos no ciclo “Espazos Sonoros” que organiza a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura.
-O xoves, 7 de maio, ás 20:00 horas, actuará “Abe Rábade Trío”, integrado por Abe Rábade, piano e composición, Nelson Casacais, contrabaixo, e Bruno Pedroso, batería. A banda formouse en 1996 e en 2000 recibiu o segundo premio no Concurso Internacional de Grupos de Jazz de Getxo.

Abe Rábade foi galardoado en 2001 co premio Teté Montoliú ó pianista revelación en España, concedido pola SGAE. En 2002 o grupo lanzou o seu segundo traballo discográfico, “Simetrías”, e en 2006 “Playing on light”, o seu disco máis recente. O repertorio da formación é orixinal na súa meirande parte e abarca os máis diversos estilos jazzísticos.

A continuación, as 21:00 horas, actuará “Moscow Art Trío”, integrado por Mikhail Alperin, piano e voz, Arkady Shilkloper, trompa, firscornio e voz, e Sergey Starostin, voz, clarinete e “folkreeds”.  É unha das formacións recentes de jazz máis apaixonante, na que as fronteiras entre o jazz, o folk e a música clásica deixan de ser importantes.

A súa primeira actuación tivo lugar en 1990 en Moscú e desde entón ven actuando por todo o mundo. Mikhail Alperin é compositor, líder do trío e pianista, vive en Oslo desde 1993 e tense convertido na figura central no que se refire á nova música nórdica improvisada. O trompetista Arkady Shilkloper foi membro da Orquestra Filarmónica de Moscú e traballou coa orquestra do Teatro Bolshoi; a súa habilidade única para combinar as diferentes linguaxes musicais faille famoso en todas partes.

O cantante de folk Sergey Starostin mostrou sempre unha enorme interese polos contos e pola música tradicionais, incluso cando estudaba música clásica, ata o punto de que sempre que viaxaba pola Unión Soviética recollía historias, cancións e instrumentos tradicionais.

Programa do sábado           
O sábado, 9 de maio, ás 20:00 horas, o dúo “Galicia XXI”, formado por Diego García, piano, e Luis Soto, frauta traveseira, interpretarán música de cinco compositores galegos, algunhas de cuxas obras son estreas absolutas ou serán tocadas por primeira vez en Galicia.

O proxecto “Galicia XXI” naceu coa idea de recompilar o repertorio para frauta e piano creado por compositores galegos de diferentes épocas e estilos, expoñendo a obra a un público que, ata o momento, non tivera a oportunidade de apreciala de xeito global.

O programa inclúe obras dos compositores galegos Fernando Buide Del Real, Javier María, Jorge Berdullas del Río, Julio Montero e Octavio Vázquez, así coma do francés Edgar Varèse.