07 mayo 2009

Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo visita a Santi Domínguez y le leen la cartilla...

VIGO (MORRAZO-tribuna) . O tenente de alcalde, Santi Domínguez, destacou este martes a necesidade de “ter en conta” á Plataforma pola Defensa da Ría á hora de desenvolver actuacións no Porto de Vigo ou respecto ao tráfico marítimo de ría. O nacionalista así o manifestou tras a xuntanza que mantivo con dous representantes desta plataforma, cuxo obxectivo foi “ver a posibilidade de facer un traballo conxunto”.

“Para o BNG é fundamental manter reunións periódicas coa Plataforma pola Defensa da Ría, porque é a base social que se debe escoitar para levar a cabo as distintas actuacións”, explicou o tenente de alcalde. Neste sentido sinalou que esta xuntanza foi un primeiro contacto para establecer “distintas reunións de traballo que quero levar a cabo como tenente de alcalde”. Anunciou que nos vindeiros días haberá unha convocatoria par os distintos colectivos que integran a Plataforma na que se abordarán as actuacións previstas para o Porto, así como o tema do transporte de ría.

Neste sentido, Santi Domínguez indicou que os integrantes da Plataforma expresaron a súa preocupación respecto ao transporte de ría e a súa inquedanza para que o novo goberno da Xunta axilice a posta en marcha das subvencións dos billetes aos veciños de Cangas e Moaña. Outra das preocupacións que manifestaron os representantes deste colectivo é que non se suprima ningún dos servizos actuais.