07 mayo 2009

O quinto Festival de Jazz Imaxina Sons celebrarase do 25 de xuño ao 5 de xullo centrado no jazz europeo


VIGO (MORRAZO-tribuna) . A quinta edición do Festival de Jazz Imaxina Sons celebrarase do 25 de xuño ao 5 de xullo, segundo anunciou o concelleiro de Cultura, Xesus López, na presentación do certame, na que tamén participou o seu director artístico, Baldo Martínez, e María Pereira, en representación de Caixanova. Segundo salientou o concelleiro nacionalista a programación deste ano “representa boa parte da xeración de músicos europeos que foi capaz de facer que o jazz europeo acadase o seu máis alto nivel”, como é o caso do contrabaixo checo Miroslav Vitous e a Vienna Art Orchestra.

O concelleiro de Cultura destacou o papel que terá o jazz galego dentro do festival, tanto respecto aos artistas xa consolidados como nomes de novas fornadas, que terán espazos para presentar os seus traballos. Sinalou que o Imaxina Sons “é un festival que vai medrando ao carón do que medran os músicos e as escolas de jazz, o cal fai que nos sintamos orgullosos de ter en Vigo un ferstival destas características”. Segundo Xesus López, “da resposta tanto ás demandas dos músicos como a do público”.

Entre os pratos fortes desta edidición do Imaxina Sons figura o concerto de inaguración, a cargo do saxofonista Charles Lloyd, que terá lugar o 25 de xuño no Centro Cultural Caixanova ás 22 horas. Este músico chega ao Festival de Jazz de Vigo co seu máis recente proxecto, “Rabo de Nube”. O segundo concerto que acollerá o Centro Cultural Caixanova será o 28 de xuño ás 22 horas, con Miroslav Vitous, xa coñecido polo público vigués. Finalmente, o terceiro concerto que terá lugar neste espazo será o de clausura, que protagonizará a Vienna Art Orquestra o 5 de xullo ás 22 horas.

“Para Caixanova é unha honra participar nunha das máis fermosas iniciativas que se desenvolven nesta cidade”, subliñou a representante desta entidade, María Pereira. Sinalou que Vigo precisa lugares de encontro nas rúas, “e que mellor que a música para acadalo”. Segundo dixo, “para nós é moi importante participar nestas iniciativas que fomentan a cohesión social”, afirmou.

O director artístico do festival, Baldo Martínez, destacou que “tratamos todos os anos de mellorar a programación”. Sinalou ademais de Caixanova os concertos se celebrarán noutros espazos, como o MARCO, onde terán lugar as propostas máis experimentais e innovadoras; o teatro Salesianos, onde se poderán escoitar as propostas do jazz español; e na praza do Rei.

As entradas poden mercarse na web www.caixanova.es e no teléfono 902.504.500. Os abonos para os tres concertos do Centro Cultural Caixanova poden adquirirse do 5 ao 31 de maio. O prezo en butaca é de 30,60 euros; en primeiro anfiteatro, 28,05 euros; en segundo anfiteatro, 25,50 euros; e en terceiro anfiteatro, 22,95 euros. A venda de entradas individuais para os concertos que se celebren en Caixanova, no MARCO (2 euros) e no Teatro Salesianos (3 euros) poderanse mercar a partir do 1 de xuño. A entrada libre ata completar o aforo será nos concertos que se celebrarán no auditorio do Conservatorio Superior de Música, na praza do Rei e os correspondentes ao ciclo Jazz na Noite do Pub Quomo, Xancarajazz e Contrabajo.

Para ampliar información se poden consultar as páxinas www.vigo.org, www.imaxinasons.com e no servizo de atención cidadá 010 de luns a venres de 8 a 20 horas e os sábados de 10 a 14 horas.